COMUN023

CONCURSO DE IDEAS PARA UN CENTRO MULTIFUNCIONAL PARA A XUVENTUDE EN AMES

2020
Concurso
MILLADOIRO (AMES)

A posición intermedia da parcela, entre os tecidos urbanos do Milladoiro e a estrutura rural de Ventín – Paramuiño representa unha das oportunidades con máis potencial na actualidade para introducir (ou máis ben manter) os espazos verdes no núcleo urbano. No recordo recente dos habitantes do Milladoiro aínda reside a Estivada ou Monte de Ventín que nas últimas décadas sufriu unha drástica perda de superficie arbórea e o progresivo borrado do parcelario rural histórico.

O novo equipamento xoga un papel transcendental como conector ambiental entre as áreas de bosque que subsisten e as zonas verdes urbanas contempladas no planeamento aínda sen desenrolar. O novo Centro Multifuncional tamén pode axudar a artellar a relación entre a estrutura rural e a urbana, pendente de resolver con delicadeza. Por outra banda, os requirimentos programáticos do novo equipamento fan que cobre especial relevancia o seu encaixe urbano, poñendo a disposición da xuventude un espazo común apropiable que poida actuar como catalizador da cohesión social e fixación da xuventude do Milladoiro.