A intervención desenvólvese no interior do parque urbano municipal da Finca de Rosequillo, quedando unicamente fora do perímetro do predio, no seu acceso oeste, unha pequena zona de empedrado ao pé da portalada. Preténdese mellorar a accesibilidade, a iluminación e dignificar os elementos arquitectónicos e paisaxísticos existentes no predio a través de pavimentacións mínimas cunha materialidade pétrea coidada e respectuosa co patrimonio.
Para iso establécese como ámbito principal de intervención o percorrido que une a portalada de entrada á finca, no lado oeste, co acceso, no lado este. A proposta tamén permitirá ampliar as horas de uso do parque por medio dunha discreta iluminación ambiental que garanta as condicións de seguridade no percorrido principal, prestando especial atención ao carácter ornamental dalgún dos elementos máis singulares.
A proposta intervén no seguintes tres ámbitos principalmente:
Ámbito 1, zona da portalada de acceso oeste:
Para dignificar o acceso, proponse un novo pavimento de adoquíns cunha franxa central accesible de lousas rectangulares, ambos de pedra caliza. Nos bordos da zona empedrada propóñense unha serie de perforacións con vexetación que continúe desmaterializando simbólicamente o pavimento asfáltico existente.
Encaixado no pavimento propóñense dous proxectores que iluminen a portalada monumental.
Ámbito 2, camiño entre a portalada e a explanada asfaltada do palacete:
Despois do acceso, intervense minimamente sobre a sección do camiño existente co fin de facilitar o percorrido a persoas con dificultades de mobilidade. Para iso continúase a franxa central accesible de lousas de pedra caliza, que se desmaterializa cara aos bordos cun empedrado que integra as pedras retiradas do propio camiño (da franxa central da zona nordés do predio).
Neste ámbito proponse unha iluminación con seis columnas uniformemente distribuídas de maneira estratéxica entre o arborado existente. Ademais, desde a franxa central pavimentada, baixo a que discorren as gabias para as instalacións eléctricas, parten catro ramais secundarios que permiten a instalación de luminarias ornamentais para iluminar distintos elementos e ámbitos singulares do predio. No centro da finca, propóñense dúas columnas complementarias con tres proxectores (cun circuíto independente de accionamento manual desde o cadro de iluminación pública situada no Concello) que iluminan un ámbito para a realización de actividades puntuais.
Ámbito 3, explanada asfaltada do palacete:
Na zona situada ao nordés da finca, no acceso principal do palacete, proponse unha intervención mínima que sirva de antecedente e posible catalizador dunha futura mellora integral de todo o ámbito, que pola súa envergadura e custo excedería o alcance do presente proxecto. Proponse un recorte no pavimento asfáltico actual, complementado por un conxunto de perforacións circulares, que signifique o ámbito e continúe simbólicamente o percorrido a través do predio.
Neste ámbito, polas razóns expostas anteriormente, mantense a iluminación existente, considerando que o futuro proxecto de mellora do ámbito debería contemplar un proxecto de iluminación integral do palacete e o seu acceso.