Quizais sexa o Pico Sacro, ou Ilicino, unha das paisaxes máis relevantes e cargadas de simbolismo de toda Galicia. Isto queda patente na omnipresencia deste cumio mítico na literatura galega como elemento esencial na construción do noso territorio e cultura (material e inmaterial). A lenda da Raíña Lupa e os discípulos do Apóstolo, recollida no Códice Calixtino; o poema A fonte do Pico Sagro, primeiro texto en Galego, escrito por Marcial Valladares; a novela Devalar de Otero Pedrayo; ou o célebre Alba de Gloria de Castelao; son so algúns exemplos da nosa literatura que toman ao monte de cuarzo como protagonista.
Non é casual que o Pico Sacro acumule este substrato cultural. Pese aos seus modestos pouco máis de cincocentos trinta metros de altitude, foi bautizado como “o cumio que enxerga tódolos horizontes”1 , xa que a súa posición xeográfica e a súa morfoloxía fan del unha atalaia exemplar dende a que albiscar unha boa mostra das paisaxes de Galicia. Tamén representa unha referencia visual compartida por gran parte do noso territorio, constituíndose como un fito esencial que ordena o devir cotiá de moitos galegos e galegas.
Tampouco é trivial a elección do predio de Sergude, situado nas abas do Pico Sacro -ou No Devalar do Ilicino-, como emprazamento para o Centro de promoción do rural galego. É por iso tamén esencial para nos que as primeiras trazas deste proxecto emerxan directamente do noso cumio máis mítico. Si ben é certo que nesta fase a proposta se concentra somentes na ordeación do Predio de Sergude, cremos pertinente desprazar o epicentro da reflexión cara o Pico Sacro, considerando a distintas escalas a posición territorial que ocupa o Predio nos seus dominios. Esta aproximación multiescalar é unha das características fundamentais da nosa proposta.
SETE + CATRO OBXECTIVOS PARA O NOVO CENTRO DE PROMOCIÓN DO RURAL GALEGO:
Como primeira fase dunha intervención con vocación de estenderse ata o Pico Sacro, abordarase o proxecto de reordenación do Predio de Sergude para que integre o novo Centro de promoción e imaxe do Rural Galego. Darase así a oportunidade aos futuros visitantes de coñecer un exemplo específico da paisaxe produtiva galega, con alusións ou referencias puntuais a algunhas das características dos outros territorios de Galicia. Sen embargo, esta promoción de cara ao exterior non debe repercutir negativamente na actividade nin nos ecosistemas actuais do Predio.
A continuación sintetízanse os principais obxectivos, recollidos dos pregos do concurso, para transformar o CFEA de Sergude no “CENTRO DE PROMOCIÓN E IMAXE DOS PRODUTOS AGRÍCOLAS, GANDEIROS E FORESTAIS DE GALICIA BAIXO A DENOMINACIÓN DE GALICIA CALIDADE”:
01. Mellorar a imaxe xeral e a riqueza espacial (calidade arquitectónica) do Predio de Sergude.
02. Incorporar un novo programa para a promoción da Galicia Rural
03. Artellar unha ordenación de usos equilibrada (edificación / agrícola / forestal / hortofrutícola; novo programa / programa preexistente)
04. Preservar, potenciar e visibilizar a biodiversidade e a conectividade dos ecosistemas (flora autóctona de cultivo e espontáneas, fauna, ciclos naturais, etc.) prestando especial atención ao ciclo da auga.
05. Estruturar os percorridos promovendo fins didácticos, ambientais e paisaxísticos (acceso rodado e peonil, aparcamentos, etc.)
06. Mellorar a sustentabilidade do Predio transformándoo nunha Illa enerxética (enerxías renovables)
07. Garantir a coherencia e viabilidade técnica e económica.
Co fin de complementar aos anteriores, a nosa proposta engade os seguintes catro obxectivos que consideramos esencial satisfacer na construción do novo Centro de Promoción:
08. Compatibilizar a promoción da imaxe global da Galicia Rural coa posta en valor da identidade e as singularidades locais do Predio.
09. Garantir o retorno a toda a sociedade galega do esforzo económico concentrado no Predio de Sergude.
10. Mellorar a competitividade e a innovación dos sectores produtivos de Galicia, propiciando un efecto incentivador e tractor da economía e sociedade do medio rural.
11. Garantir a adaptabilidade da proposta a futuros escenarios imprevisibles. A arquitectura proposta para o Centro de Promoción deberá concibirse como unha infraestrutura aberta capaz de acoller as demandas presentes (programa de necesidades do prego do concurso) así como as continxencias futuras. Cabe matizar que esta esixencia non é inédita nos contextos rurais, que teñen demostrado en diversas ocasións a súa resiliencia enfrontando crises de distinta natureza.
Co fin de acadar os obxectivos mencionados propóñense sete estratexias xerais que sintetizan as accións que debe materializar especificamente o proxecto:
E1. Reinterpretación arquitectónica do territorio e os hábitats rurais
E2. Estruturación dos usos e os ecosistemas para a posta en valor da paisaxe produtiva
E3. Feche dos ciclos metabólicos
E4. Revalorización da paisaxe cultural do predio
E5. Fomento da investigación para o desenvolvemento da galicia produtiva
E6. Potenciación das sinerxías entre os usuarios do predio
E7. Construción en fases e optimización técnica e económica