O proxecto responde ao encargo feito polo Concello de Ames coa finalidade de mellorar as condicións de habitabilidade dun espazo público existente. A proposta segue os obxectivos, liñas de actuación e criterios establecidos no estudo previo “UN XIRO DE 90 GRAOS. Tres prazas e tres travesías para a mellora da habitabilidade do espazo público do Milladoiro (Ames).”
Na actualidade, a praza funciona en franxas horarias específicas e para un grupo de usuarios determinado (maioritariamente nenos e adolescentes no horario de tarde). A solución adoitada busca, principalmente, diversificar o uso da praza e xerar identidade para que a veciñanza se apropie dela e a utilice con maior intensidade. Preténdese incrementar a diversidade coa mestura de actividade que se intensifica cara o centro da praza, fomentado novos lugares de estancia para segmentos de poboación máis variados. Tamén se subliña a importancia de mellorar a iluminación, o que repercutirá tamén nos horarios de uso.
A xeración de identidade ven da man de dous símbolos que buscan significar o espazo en clave contemporánea. Por un lado, unha loa aos ciclos naturais, poñéndoos en evidencia e ilustrándoos coa incorporación de tres novas árbores singulares e unha proposta paisaxística de conxunto; por outro, potenciando a inclusión, mediante un banco de pedra de carácter escultórico que pode ser utilizado de distintos xeitos e por diversos usuarios. Ínstase tamén a darlle un topónimo á praza, na actualidade sen nomear (neste proxecto denominámola Praza da Cruxa).
É importante sinalar que se valora positivamente o carácter doméstico que posúe actualmente a praza. Por iso a proposta trata de mantelo fomentando a apropiación principalmente da veciñanza da contorna.
De maneira complementaria, e trascendendo a natureza dun Proxecto Básico e de Execución, suxírense unha serie de accións de carácter social e estratexias para a dinamización do comercio local. Como xa se sostiña no estudo previo, tamén se recomenda continuar traballando nos espazos perimetráis da praza que quedan fora do ámbito de intervención deste encargo. Nesta liña débese potenciar a continuidade coa Rúa Anxeriz, a apertura de ocos cara a praza do equipamento existente, o incremento de vexetación no cruce ca avenida Rosalía de Castro, a inclusión do espazo libre do lindeiro leste (agora separado por un muro), etc.