O encargo inicial de estudar tres prazas do Milladoiro para mellorar a súa habitabilidade, emprégase para facer unha reflexión máis ampla sobre a situación do espazo público do núcleo. A análise propositiva acada un grado de definición que permite un achegamento formal cunha hipótese proxectual para algúns dos espazos analizados.
Enténdense as prazas que motivan o encargo como as intervencións piloto articuladoras dunha rede de espazos libres orientados á mellora ambiental e social do núcleo (fornecendo de espazos de estancia de calidade arquitectónica, mitigando os efectos do cambio climático, promovendo a mobilidade peonil, promocionando a actividade económica local e refrozando a identidade do núcleo).
A proposta persegue reforzar as conexións transversais como xeradoras de identidade, fronte ás lonxitudinais que reforzan a histórica dependencia de Compostela
Proponse, por tanto, traballar as prazas dende o seu encaixe nos eixos transversais, potenciando a consolidación de tres travesías que introduzan no tecido consolidado a natureza localizada nos bordes, melloren a accesibilidade e a articulación dos servizos no conxunto do núcleo, para subverter a segregación (física e social) que aínda provoca a Av Rosalía de Castro.
As hipóteses de proxecto das tres prazas e travesías abórdanse de maneira sistemática respondendo aos seguintes obxectivos e criterios de intervención:
[1] Mellora da accesibilidade [2] Mellora da permeabilidade e capilaridade do espazo público [3] Mellora da calidade arquitectónica [4] Mellora da iluminación [5] Posta en valor da paisaxe cultural do Milladoiro [6] Mellora do confort do percorrido peonil [7] Renaturalización do espazo público [8] Diversificación de usos e usuarios [9] Dinamización do comercio local