A construción obxecto de rehabilitación é unha vivenda localizada no núcleo rural de Santalla de Arxemil, en Sarria. Trátase dunha edificación de planta cadrada nun emprazamento chan con lixeira pendente cara o sur. A súa estrutura vertical confórmase por muros de cachotería maioritariamente e cantería en xambas e linteis. Reparáronse os muros e o tellado recentemente.
O propósito inicial do promotor é poñer en valor a arquitectura da vivenda e mellorar as súas condicións de habitabilidade e de eficiencia enerxética, para acadar o maior grado de adecuación posible aos estándares contemporáneos. Dado o valor patrimonial da vivenda e a súa contorna, tómase como premisa poñer en valor o aspecto exterior da construción. Engádese un volume anexo á vivenda destinado a taller e almacenaxe, mantendo a tipoloxía de agregación de espazos da vivenda produtiva tradicional. No que respecta ao interior, debido ao tamaño reducido da mesma, preténdese dotar da maior habitabilidade e confort posible.