CASA DE PARGA

PRIMEIRO PREMIO NO CONCURSO PARA A REHABILITACIÓN COMO EQUIPAMENTO CULTURAL E DE OCIO DA CASA DE PARGA EN MEIS

2023
Concurso
MEIS

Consideramos a CANLE do muíño da finca da Casa de Parga coma o verdadeiro eixo vertebrador do conxunto patrimonial, pois articula os usos históricos da parcela, rega os cultivos da finca e da horta e as especies ornamentais do xardín e acciona o muíño (probablemente un dos elementos patrimoniais máis antigos do conxunto).

A súa vez, con este lema queremos subliñar o potencial que ten a Casa de Parga para actuar como unha CANLE, ou medio, para a dinamización rural, constituíndose como unha sorte de centro para o desenvolvemento territorial dende onde artellar proxectos bottom-up, que capten recursos e financiación europea, autonómica e supramunicipal1.

Nesa liña, a rehabilitación arquitectónica e paisaxística do conxunto levarase a cabo mediante obradoiros especializados (de construción con técnicas tradicionais, de xardinería, horticultura, enerxías renovables, etc.) pensados para capacitar á poboación, reforzar os lazos comunitarios da veciñanza e dinamizar o emprego local.

Unha vez rehabilitado o conxunto, ademais de como equipamento lúdico e expositivo (posible museo da agricultura) pode servir como un espazo de traballo compartido2, ou como lugar de reunión dende o que traballar no desenvolvemento de proxectos de base local, a organización de talleres, palestras informativas, xornadas de traballo, ou incluso, si así se desexa, como un lugar idóneo para establecer temporal ou permanentemente a sede de asociacións dedicadas ao desenvolvemento territorial3.

En definitiva, a intervención na Casa de Parga debe considerarse como unha inversión con efectos multiplicadores para o territorio de Meis e a súa contorna.

 

Un proxecto en tres fases

Para facer viable o proxecto e poder levalo a cabo mediante os obradoiros de capacitación e emprego se estableceunha execución en fases nunha temporalidade aproximada de entre 5 e 10 anos.

Proponse nunha primeira fase a adecuación da finca, deste xeito a cidadanía pode comezar a desfrutar dende o principio dunha zona verde pública (tendo en conta que a maioría das zonas verdes previstas polo plan están sem executar aínda) e a involucrase co proxecto en tarefas facilmente executables. Nesta fase tamén se recomenda levar a cabo a concesión para a rehabilitación e explotación do snack-bar e tenda, deste modo dótase de servizo á parcela y xérase unha fonte de financiación complementaria para o proxecto.

Na segunda fase rehabilitase a edificación principal mediante obradoiros temáticos (obradoiro de morteiro de cal, de cantería, de carpintería, de rehabilitación enerxética8, …).

Por último, nunha terceira fase, restaurase o muíño como centro de interpretación etnográfico, e rehabilitase o pombal e a outra construción anexa.